ROTEIROS E NATUREZA

 

Cunha xeografía única que combina á perfección paisaxes de costa e bosques únicos, a península do Morrazo é un dos territorios favoritos para a práctica do sendeirismo no sur de Galicia.

Unha contorna que invita a desconectar das preocupacións do día a día e a reconectar coa natureza e as tradicións que caracterizan a este territorio. 

Dentre os máis de 50 sendeiros e roteiros que percorren os concellos de Moaña, Cangas e Bueu, seleccionamos algúns dos máis diferentes.

Vés de ruta ao Morrazo? 

SENDEIRO AZUL DE MOAÑA

Arrancamos polo coñecido como Camiño Real de Tirán, que pasa por catro núcleos históricos e distintos paisaxes tradicionais e mariñeiros, recuperando a vía de comunicación tradicional entre os concellos de Moaña e Cangas. Un percorrido de interconexión urbana que cada ano se vai ampliando un pouco máis e que vai camiño de converterse na rúa peatonal máis longa de Galicia. 

O sendeiro pasa polas paisaxes literarias do último libro de Domingo Villar “O último barco”, está preparada para ser usada tamén por ciclistas e inclúe guías para invidentes, co propósito dunha maior accesibilidade.  

  • Punto de partida: Praia de O Con 
  • Lonxitude: En expansión con 2,9 quilómetros en Moaña e 2,4 en Cangas. 
  • Dificultade: baixa e accesible 

SENDEIRO MUÍÑOS DA FRAGA

O río da Fraga pon nome a este sendeiro de alto valor ecolóxico no que pequenas fervezas e pozas, canastros en antigos muíños de auga en distinto estado de conservación (uns 30 en total) comparten o espazo dentro dunha máxica fraga que penetra na montaña Conta con distintos puntos de aceso, sendo o máis popular a que arrinca na vila mariñeira de Moaña e vai subindo pola fraga ata o coñecido como Miradoiro da Fraga. En calquera dos dous sentidos, trátase dunha das rutas de interior máis bonitas do Morrazo.  

  • Punto de partida: Praia da Xunqueira  
  • Punto de chegada: Miradoiro da Fraga 
  • Lonxitude: 15 quilómetros (lineal) con seccións máis curtas de ata 10 quilómetros.
  • Dificultade: Baixa 

 

SENDA COSTEIRA DE AREAMILLA A LIMÉNS

Pequenas praias de area branca, grutas, furnas e augas de cores turquesa salpican a costa pola que transcorre o sendeiro de terra que une as praias de bandeira azul de Areamilla e Liméns. Unha contorna que permanece case salvaxe pese a estar a un paso de distintos núcleos de poboación.   

Un percorrido breve e baixa dificultade de tan só 3 quilómetros de lonxitude (lineal) que se pode ampliar ata os 23 quilómetros se cambiamos o punto de inicio ata Cangas, pasando polo vasto patrimonio industrial da antiga conserveira Massó, o Monte Facho, ou as dunas do complexo das praias de Nerga, Viñó e Barra e a Costa da Vela. 

  • Punto de partida: Praia de Areamilla 
  • Punto de chegada: Praia de Liméns 
  • Lonxitude: menos de 3 quilómetros (lineal) 
  • Dificultade: baixa  

SENDEIRO AZUL DE DONÓN

Xacementos arqueolóxicos, faros, cantís e un mar salvaxe enmarcan unha das vistas máis características de toda a costa do Morrazo. Comezando dende a coñecida como caracola de Donón (A Buguina), un dos puntos favoritos dos viaxeiros para desfrutar da posta de sol, o sendeiro sube por un camiño empedrado ata o antigo santuario do deus Berobreo. Pasa por unha antiga aldea medieval, petróglifos e un castro, ata chegar á antiga construción de vixía que coroa o Facho de Donón e onde se pode desfrutar case á vista de paxaro a coñecida como Costa da Vela.

Trala baixada, un camiño circular que pasa polos muíños, cantís e faros, pon case á punta dos dedos a silueta de Cíes, nun dos puntos máis estreitos entre o parque nacional e o continente.  

  • Punto de partida e chegada: Caracola de Donón (A Buguina) 
  • Lonxitude: 12,5 quilómetros 
  • Dificultade: Media – baixa 

SENDEIRO BELUSO – TUIA

Nun lateral do porto de Beluso, por un pequeno treito asfaltado onde se atopa a casa da Roiba, unha antiga fábrica de salgadura reconvertida nun dos fitos da arquitectura modernista de Galicia, comeza o sendeiro que conecta as praias de Tuia e Beluso. Pequenas calas con enormes rochas nas que de cando en vez descansan os corvos mariños e as gaivotas procedentes das Illas Atlánticas de Ons e Cïes, árbores ao borde do mar e augas cristalinas caracterizan o percorrido.

É unha pequena ruta lineal que se pode conectar co Sendeiro Azul de Cabo Udra a través da praia de Mourisca. E co centro de Bueu a través dos pasadizos de madeira e as rúas da vila. 

  • Punto de partida: porto de Beluso 
  • Punto de chegada: praia de Tuia 
  • Lonxitude: 1,5 quilómetros (lineal)  
  • Dificultade: Baixa 

SENDEIRO AZUL DE CABO UDRA

O Lugar de Interese Comunitario de Cabo Udra non só é unha zona de especial conservación e protección, parte da Rede Natura 2000, senón que tamén é un dos percorridos máis interesantes das Rías Baixas, con panorámicas únicas da ría de Pontevedra e áreas para a observación de aves. 

Polo camiño, os chozos (refuxios de pastores) de Chan de Esqueiro, as casas mariñeiras e antigos salgadoiros en Ancoradouro e Mourisca, as baterías militares hoxe convertidas nunha Aula da Natureza e cantiosas especies animais e vexetais. O lagarto ocelado, carranes e mascatos, avenoiteiras e falcóns peregrinos, delfíns mulares e marsopas son só algunhas das especies que se poden ver paseando polo cabo. 

O sendeiro pódese completar conectándoo co de Beluso – Tuia e a contorna urbana de Bueu, xerando así un percorrido circular de pouco máis de 6 quilómetros. 

  • Punto de partida e chegada: Praia de Ancoradouro 
  • Lonxitude: 4 quilómetros (circular) 
  • Dificultade: Baixa 

 

SENDEIRISMO NO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS

Durante a tempada alta, ós numerosos camiños que se poden atopar no Morrazo, engádense ás do veciño Parque Nacional das Illas Atlánticas, que se pode visitar con distintas frecuencias diarias dende os portos de Cangas (Illas Cíes) e Bueu (Illa de Ons). 

Na illa de Ons existen catro sendeiros totalmente sinalizados e todos eles circulares, que se poden combinar entre si para crear unha ruta máis longa e desfrutar dun completo día de praia, gastronomía e natureza na única illa habitada do parque nacional. 

Consello: A visita as illas de Cíes e Ons precisa dunha autorización previa que se pode obter online de forma gratuíta a través da web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal  

Ademais, pódese descargar un plano en pdf dos percorridos das distintas rutas na web oficial do parque nacional na sección “Arquipélago de Ons”. 

FONTE: turismodomorrazo.gal