• Os xa anunciados La Pegatina, La M.O.D.A, Muyayo Rif. Periferia Norte, Zea Mays e Zoo completan este terceiro avance do cartel que o festival de Bueu prepara para os días 1, 2 e 3 de agosto
  • As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial e limitado de 31 € máis gastos, coa acampada incluída

Segismundo Toxicómano, Nao, Boikot e Dakidarría súmanse á programación da XVII edición do SonRías Baixas, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto en Bueu. Ademais destas catro bandas, a organización do festival xa anunciara previamente a La Pegatina e la M.O.D.A, dous dos grupos da escena alternativa máis destacadas do estado; Muyayo Rif, unha das propostas máis vitalistas e sorprendentes da escena catalá; aos valencianos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman; á mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays e aos valencianos Zoo. As entradas para o SonRías Baixas, cuxo festival se pechará ao longo das próximas semanas, están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 31 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

Segismundo Toxicómano achegaralle ao público do festival o seu hardcore punk con contundencia e velocidade facendo gala do seu lema: “Somos los Segis y vamos al puto lío”. Tamén o fará Nao, que se despide dos escenarios nesta á que chaman A derradeira xira e ofrecerá no SonRías Baixas unha das últimas oportunidades para velos en acción. Ademais, tras celebrar o seu XV aniversario en novembro ante 2.500 persoas e con máis de 40 colaboracións, Dakidarría regresa a Bueu coa súa mensaxe rebelde e de loita, que ás veces nos transmite a rabia contra as inxustizas e ás veces o bo rollo máis sincero. Completan o terceiro avance do SonRías Baixas Boikot, que continúa reiventando o rock urbano e o punk dos seus inicios para pasar a unha fórmula propia que inclúe tamén o ska, os sons latinos ou o espírito da festa balcánica.