• Acompañan a La Pegatina, La M.O.D.A, Segismundo Toxicómano, Nao, Boikot, Dakidarría, Muyayo Rif Periferia Norte, Zea Mays e Zoo no completo cartel que o festival de Bueu prepara para os días 1, 2 e 3 de agosto, a falta de incluír algunha sorpresa de última hora
  • As entradas para o festival, que na súa pasada edición conquistou a máis de 20.000 persoas e xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 39 € máis gastos, coa acampada incluída

Bueu, 10 de abril de 2019.- Dubioza Kolektiv, SÉS, Iseo & Dodosound with the Mousehunters, Hakuna Tanaka, Nius de nit e Som do Galpom súmanse o cartel da XVII edición do SonRías Baixas, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto en Bueu. Tres poderosas voces femininas súmanse, así, ao potente cartel deste ano: o eclecticismo e o compromiso de SÉS, a elegante mestura de reggae, trip hop e r&b de Iseo & Dodosound with the Mousehunters e a explosiva combinación de hip hop e reggae feminista de Hakuna Tanaka. Xunto a elas, a delirante combinación de hip hop, reggae, dub, rock e folclore bosnio dos Dubioza Kolektiv, a rumba entusiasta dos Nius de Nit e mais o rap e funky made in Galiza dos Som do galpom.

Ademais destas seis bandas, a organización do festival xa anunciara previamente a La Pegatina e la M.O.D.A, dous dos grupos da escena alternativa máis destacadas do estado; o hardcore punk de Segismundo Toxicómano e o rock urbano misturado espírito da festa balcánica de Boikot; a xira de despedida de Nao e o regreso rebelde dos Dakidarría; Muyayo Rif, unha das propostas máis vitalistas e sorprendentes da escena catalá; aos valencianos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman; á mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays e aos valencianos Zoo.

As entradas para o SonRías Baixas, que este ano máis que nunca programa tres intensas xornadas de música, con bandas de renome de xoves a domingo, están á venda cun prezo especial e limitado de 39 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

Patrocinan o festival SonRías Baixas, que na súa pasada edición conquistou a máis de 20.000 persoas e xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, SuperBock, o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, a Xunta de Galicia, a través da Agadic e de Fest Galicia, PlayPlan, Coca Cola e Johnnie Walker.