SKA-P traerá -por fin- ao SonRías Baixas toda a enerxía festiva dos barrios obreiros co seu inflamable directo e coas súas cancións, xa convertidas en himnos. A organización do festival pecha hoxe por todo o alto o cartel musical da súa 18ª edición, que se celebrará os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto no Recinto da Estacada de Bueu, con dez novos nomes entre os que tamén destacan o inxenio e a tenrura do artista urbano total, Rayden; a particular combinación de estilos do malagueño El Kanka; o rock de acento flamenco de Arco;o enerxético directo de JazzWoman; a agardada volta dos Alamedadosoulna, despois de case tres anos de silencio; o hip hop tropical do neerlandés de orixe chileno Maurino; a festa revolucionaria dos cataláns Oques Grasses; o enerxético punk folk galego dos The Skarnivals; e o dúo de novísimos DJs e produtores lugueses Galician Army.

Estes artistas súmanse ao irresistible cóctel festivo do que xa formaban parte El Drogas, que fora cantante e baixista de Barricada e un dos máximos representantes do rock español; o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O; unha das voces máis salientables do underground latinoamericano, Sara Hebe; o punk-rock dos Desakato, os ritmos do mundo de García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica de Balkan Paradise Orchestra.

O SonRías Baixas chega así á súa maioría de idade cunha edición na que avanzará un paso máis a partir dun modelo xa consolidado, co obxectivo de chegar a un público máis amplo, sen perder a esencia dun festival que naceu da paixón polos festivais do equipo directivo e que os últimos anos ten conquistado o público de Galicia e do resto do Estado coa súa singular proposta de música, gastronomía e praia. O pasado agosto, 22.065 persoas puxeron rumbo ao Destino SonRías dende toda a península, para gozar cunha programación musical de calidade, festiva e reivindicativa, pero tamén cunha completa proposta de ocio activo, profundamente integrada no territorio, que xerou na comarca un impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e cos establecementos da vila ateigados de festivaleiros e festivaleiras. O reto, para a organización, é medrar neste ano no que o festival chega á maioría de idade sen perder de vista a singulariedade do proxecto.

As entradas para o Festival están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 45€ máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.