O evento, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu, incorpora no seu cartel
unha sesión vermú con Grande Amore e La Duendeneta e pon á disposición do
público os últimos abonos e entradas á venda na web www.sonriasbaixas.info

A gran cita da península do Morrazo coa música ao vivo contará con dous escenarios
nos que se celebrarán vinte concertos de Kase.O Jazzmagnetism, Tanxugueiras,
Rayden, La M.O.D.A., Delaporte, Rels B, Arnau Griso, Ciudad Jara, Eskorzo, Sofía
Gabanna, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino, Cool Nenas, Buhos,
García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra

 

En dez días dará comezo a gran cita da música ao vivo no Morrazo deste verán. O festival SonRías Baixas 2022, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu, deu a coñecer esta mañá a súa programación completa, un cartel ecléctico, festivo e dinámico que contará con Kase.O Jazzmagnetism, Tanxugueiras, Rayden, La M.O.D.A., Delaporte, Rels B, Arnau Griso, Ciudad Jara, Eskorzo, Sofía Gabanna, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino, Cool Nenas, Buhos, García Mc & Nación Quilombo, Balkan Paradise Orchestra e as dúas últimas incorporacións reveladas esta mañá: Grande Amore e La Duendeneta. O evento propón así un programa amplo e variado, que combina artistas consolidadas con bandas emerxentes, facendo fincapé na intención de chegar a todos os públicos ao incluír no seu lineup estilos diversos como o rap, o rock, o stone, as músicas de raíz ou mesmo o pop. Ademais, SonRías Baixas será o marco no que 11 bandas e artistas presenten os seus novos shows ou traballos discográficos.
A praia de Beluso acolleu este martes 26 a presentación da 19ª edición do festival. O acto contou coa participación do equipo que dirixe SonRías Baixas, Jordi Lauren e Berta Dominguez; ademais do director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; da deputada provincial de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias; e do concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal. Tal e como apuntou Jordi Lauren, serán “tres xornadas intensas de música, gastronomía, praia e lecer no corazón das Rías Baixas”. “O Sonrías é un evento que pon en valor o territorio como destino turístico, musical e cultural. Apostamos por un modelo de festival responsable, sostible e de futuro.
Facilitaremos que as e os milleiros de asistentes gocen dun evento de gran formato no que poden gozar do turismo de sol e praia, á vez que permite achegar o talento de artistas galegas emerxentes e favorece a o fortalecemento da ‘economía km 0’ a través da colaboración con
provedores de proximidade ”, salientou o co-director.
Pola súa banda, Berta Dominguez lembrou que SonRías Baixas é un dos festivais galegos “que cada ano suma máis público novo” e que moitas das asistentes “gozarán no 19º SonRías do seu primeiro festival”. A co-directora destacou a recuperación do gran formato do evento, con dous escenarios (Turismo Rías Baixas e Xacobeo 21-22), a presenza significativa de mulleres programadas no cartel e anunciou a incorporación dunha sesión vermú o sábado 6, que contará coa música de dúas figuras imprescindibles da escena galega na actualidade: Grande Amore e La Duendeneta.
Ademais, Domínguez lembrou que aínda é é posible adquirir os últimos abonos ou entradas de día a través da páxina web oficial www.sonriasbaixas.info . O abono (desde 50 euros máis gastos de xestión) inclúe acceso á zona de acampada, situada a 150 metros da praia, e as entradas de día (desde 30 euros máis gastos de xestión) permiten asistir a xornadas
concretas do evento.
O director da Agadic saudou a aposta polo traballo en común con empresas localis e a
programación do evento, que cualificou de “espectacular”. Á vez, destacou a participación das artistas emerxentes de Galicia. Pola súa banda, a deputada de Turismo salientou o “compromiso claro” coa igualdade e o medio natural do festival, “un evento de referencia para a xente nova”. Ao fío, sinalou que o evento tamén incluirá un concerto no marco do programa provincial Descúbreas, e que o recinto contará cun stand da Deputación de Pontevedra para de prevención das violencias machistas. Finalmente, o concelleiro de Cultura de Bueu apuntou a diversidade da oferta para todos os públicos e valorou a traxectoria do evento.
“Non é algo que xurdiu neste momento. Agora recolle o sementado ao longo de moitos anos nos que a equipa traballou arreo”, aseverou Leal.

Programación por días

Os concertos do 19º SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. O cartel do xoves destaca pola presenza do dúo electropop Delaporte, que dará a coñecer ‘Abril’, o seu último traballo discográfico, e do magnetismo único e pop urbano de Rels B, quen aúna decenas de millóns de seguidores en todo o mundo. Sobre o escenario do Multiusos da Estacada tamén estarán Sofía Gabanna, unha das grandes promesas do rap arxentino: JazzWoman, rapeira valenciana sempre disposta a abordar nos seus temas a denuncia social e o empoderamento feminino e que participará por vez primeira nun festival galego; Maurino, quen amosará por primeira vez en Galicia o seu future latin, e a rebordate enerxía de Cool Nenas (Mariagrep, Dani Costas e Kimberley Tell), sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta.
O venres 5 o SonRías continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que regresa a Bueu co seu proxecto ‘Jazz Magnetism’, despois de esgotar as entradas do anto pasado, e na que será a súa última actuación en Galicia antes da súa retirada dos escenarios; o rapeiro Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais, e que chega ao festival coa súa xira do 20º aniversario; ou Ciudad Jara, o proxecto musical de Pablo Sánchez (La Raíz), que presenta nun potente directo o seu novo disco, ‘Cinema’. A noite do vernes tamén contará coas actuacións de Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña na actualidade e que unicamente estará en Galicia no marco do SonRías; Bala, destacado dúo galego da escena do rock/metal alternativo que dará a coñecer o seu último disco, ‘Maleza’; Emlan, na súa primeira actuación en territorio galego cun novo e sorprendente espectáculo de rock e pop; e García Mc & Nación Quilombo, que proporá ao público unha estimulante viaxe polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’.

A programación pecharase o sábado 6 con Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a revolucionar a música tradicional galega e na que será a primeira actuación nun festival logo do lanzamento do seu novo disco, ‘Diluvio’; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, e que presentará o ‘Nuevo Cancionero Burgalés’ no SonRías -na súa única cita na provincia de Pontevedra deste verán-; ou Arnau Griso, no que será o seu derradeiro concerto ante o público galego. Completan o cartel desta terceira xornada de SonRías Eskorzo, unha das bandas pioneiras do movemento mestizo en España e que está a celebrar o seu 25º aniversario; Sara Hebe, coa única data confirmada para Galicia este verán e na que presentará o seu último disco, ‘Sucia Estrella’; Balkan Paradise Orchestra, big band formada integramente por mulleres nas que os ventos e as percusións farán bailar ás e aos asistentes; e Suu, unha das novas voces catalanas máis destacadas da actualidade e quen dará a coñecer ‘Karaoke’. SonRías Baixas 2022 é un festival promovido pola promotora PlayPlan Cultural. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu, Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, RíasBaixas Fest e Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e do programa FEST Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila.