A co-directora do SonRías, Berta Dominguez, asistiu á presentación pública da iniciativa, asinada por vinte e sete festivais de música e cinema de Galicia, que se comprometen no coidado do planeta, da contorna e do público.

SonRías Baixas dá, neste 2021, un novo paso adiante no seu compromiso por desenvolver un evento sostible e respectuoso co territorio. O festival súmase este verán ao Pacto Cultural Sustentable, un gran acordo do que forman parte vinte e sete festivais de música e cinema de Galicia e que visualiza, publicamente, o seu compromiso e aliñamento cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable) da Axenda 2030. Esta política de sustentabilidade asinada polo sector cultural galego do que SonRías Baixas forma parte, e que se pode consultar na páxina web www.pactoculturasustentable.gal, ten como obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do territorio, tecer rede entre os propios eventos, ademais de coas empresas e proxectos locais, favorecer a igualdade de xénero tanto nas propostas artísticas coma nos equipos, a adopción de medidas que garantan a accesibilidade ou o emprego dunha comunicación inclusiva e non discriminatoria; ademais de diminuír o impacto no medio como consecuencia da redución de residuos durante o desenvolvemento dos eventos.

“Termar do territorio, da contorna e do noso público, á vez que tecemos rede entre os festivais e cos axentes de proximidade, non é só garantir o coidado no plano ambiental ou na dimensión sociocultural dos eventos, senó que é tamén garantir o desenvolvemento sustentable e o futuro da industria cultural galega”, sinala a co-directora do SonRías Baixas, Berta Dominguez, quen asistiu á presentación pública da iniciativa.

Así, compromisos que suscriben os festivais para os próximos tres anos pasan pola eliminación dos plásticos dun só uso no prazo dun ano (é dicir, para o 2022), a medición da pegada de CO2, a redución dun 30% do volume de residuos xerados en 2023 ou a utilización de fontes de enerxías renovables nun 50% en 2024. Alén dos aspectos medioambientais, centrais no acordo, este garante tamén nos eventos adheridos a igualdade de xénero en propostas artísticas e equipos, a accesibilidade dos festivais e o apoio a empresas e artistas locais, priorizando a súa participación nos festivais.

Se queres botar unha ollada aos compromisos adquiridos para desenvolver entre 2021 e 2024, podes facelo na páxina web www.pactoculturasustentable.gal