O festival, que se celebrará o 4, 5 e 6 de agosto en Bueu suma ás súas confirmacións ás tres cantareiras, recén chegadas do Benidorm Fest, onde competiron para ir a Eurovisión e se consagraron como as favoritas do público

Tanxugueiras compartirá escenario no SonRías Baixas con artistas como Kase.O Jazz Magnetism, Rayden, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos ou García Mc & Nación Quilombo, entre outros

As entradas están xa dispoñibles na web www.sonriasbaixas.info

O Festival SonRías Baixas anuncia a incorporación de Tanxugueiras ao cartel desta edición, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu. Neste 2022 o Festival SonRías Baixas artellará unha ampla, dinámica e potente programación da que xa se coñecen os primeiros nomes do seu line-up. Tanxugueiras súmase deste xeito aKase.O Jazz Magnetism, Rayden, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos e García Mc & Nación Quilombo, as confirmacións iniciais de artistas do cartel da cita, que este verán regresará no seu habitual formato de grande festival.

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro veñen avaladas por éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden) ou ‘Terra’ (con máis de 11.000.000 de escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Festcompetindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show: a “Xira Midas”.

Nas vindeiras semanas a organización do SonRías Baixas 2022 anunciará novos nomes de artistas que participarán nesta edición, que pretende ser de novo unha grande festa da música en directo na península do Morrazo e un polo de atracción turística e de dinamización socioeconómica no territorio durante a súa celebración.

As entradas do SonRías Baixas 2022 xa están á venda a través da páxina web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info. O público pode adquirir o seu abono, válido para as tres xornadas de concertos, por 45 euros (máis gastos de xestión). 

Ademais, a partir deste xoves 3 de febreiro, todas as persoas usuarias do Carné Xove que utilicen o código “CARNEXOVEFESTIVAIS” poderán gozar dun 15% de desconto na compra das primeiras entradas dos eventos que forman parte da Asociación Festivais de Galicia, a raíz da colaboración que dita asociación leva a cabo coa Xunta de Galicia. Os detalles concretos sobre as condicións para cada un dos festivais adheridos ao Carné Xove poderanse consultar na páxina web xuventude.xunta.es.A organización do SonRías Baixas quere lembrar tamén que todas as persoas que manteñen a súa entrada do ano 2020 para poder gozar desta edición poderán facelo: tal e como se comunicou desde o primeiro momento da suspensión da 18ª edición, os bonos son válidos para a seguinte edición do festival en grande formato, como é o caso da que se celebrará os próximos 4, 5 e 6 de agosto.